Concerto REAL FILHARMONÍA DE GALICIA en Vigo
A Real Filharmonía de Galicia chega con Territorios da entropía ao Teatro Afundación Vigo, dentro da Tempada de Abonos CLÁSICA Afundación 2024. Ese é o título do concerto que a orquestra dá o 23 de febreiro, dirixida por Sebastián Zinca e coa pianista Judith Jáuregui, unha das mellores intérpretes de piano do panorama actual.
As túas entradas á venda en Ataquilla.com
Jáuregui e a RFG interpretan varias pezas, comezando con achegas recentísimas ao repertorio universal da música clásica: pezas
creadas pola compositora hispano-portuguesa Inés Badalo (Olivenza, 1989). Badalo está a crear un corpus musical que xa foi interpretado en importantes festivais do mundo enteiro por ensembles, solistas e orquestras.
PROGRAMA
TERRITORIOS DA ENTROPÍA
I
INÉS BADALO (1989)
Entropía
MANUEL DE FALLA (1876-1946)
Noches en los jardines de España (orq. Bética)
En el Generalife
Danza lejana
En los jardines de la Sierra de Córdoba
Judith Jáuregui, piano
II
JUAN CRISÓSTOMO ARRIAGA (1806-1826)
Sinfonía en Re maior
Adagio–Allegro vivace
Andante
Minuetto
Allegro con moto
NOTAS AO CONCERTO
INÉS BADALO (1989)
Entropía
Nacida na localidade de Olivenza, a compositora Inés Badalo comezou os seus estudos musicais no Conservatorio de Badaxoz e, posteriormente, trasladouse a Lisboa, en cuxa Escola Superior de Música obtivo os títulos de guitarra e composición. Na actualidade está a facer o Doutoramento en Música e Musicoloxía, especialidade de composición, na Universidade de Évora. O seu labor como creadora permitiulle desfrutar de senllas bolsas da Fundación Gulbenkian e o Ministerio de Cultura e gañar premios en Portugal, España, Italia e Francia. Hai poucos meses foi seleccionada para representar a Portugal na Tribuna Internacional de Compositores da UNESCO, que tivo lugar nos Países Baixos. Diversos intérpretes deron a coñecer as súas estreas en escenarios fundamentalmente da Península Ibérica, mais tamén doutros países europeos, asiáticos e americanos.
Unha das creacións premiadas foi a que escoitamos hoxe, coa que conseguiu no ano 2017 o Prémio de Composição outorgado pola Sociedade Portuguesa de Autores / Antena 2. A estrea do que foi o seu debut no xénero sinfónico produciuse o 7 de outubro dese ano en Lisboa, no marco do Festival Jovens Músicos e de mans da Orquestra Gulbenkian, dirixida por Nuno Coelho. O título Entropía parece reflectir o grao de desorde dun sistema que implica o propio termo. Ao longo de toda a obra vanse escoitando fragmentos musicais e sons, aparentemente distribuídos ao chou, que continuamente van sendo ordenados e retoman a desorde, seguindo unha estrutura equilibrada e meticulosa. Segundo a autora, «en superficie créase a imaxe dunha sensación de aleatoriedade, mais en realidade é o froito dunha estrita orde latente no seu interior».
MANUEL DE FALLA (1876-1946)
Noches en los jardines de España
Nos primeiros anos do século XX, en París fóronse xuntando algúns dos músicos, escritores, pintores e coreógrafos máis importantes do mundo ata converter a cidade no centro máis importante da cultura en Europa. Atraído por este panorama e decepcionado por non poder estrear a ópera La vida breve no Teatro Real, Falla decidiu, en 1907, marchar á capital francesa, onde permanecería durante sete anos. A estadía serviulle para xerar amizade con destacados autores e intérpretes e, malia certas dificultades económicas, foi un período fundamental na súa carreira («polo que se refire ao meu oficio, a miña patria é París. De non ser por París, eu tería que ter abandonado a composición e dedicarme a dar leccións para poder vivir»). Cando en agosto de 1914 Alemaña lle declarou a guerra a Francia e estalou a Primeira Guerra Mundial, o compositor gaditano decidiu regresar a España.
Unha das obras nas que estaba a traballar ao deixar París era o que empezou sendo un conxunto de nocturnos e que, por suxestión de Isaac Albéniz e o pianista Ricardo Viñes, deu lugar a unha partitura para piano e orquestra dedicada a este último, que recibiu o nome de Noches en los jardines de España. Tras concluíla no verán de 1915, durante unha estancia na casa do pintor Santiago Rusiñol en Sitges, foi presentada no madrileño Teatro Real o 9 de abril de 1916 coa Orquestra Sinfónica de Madrid, Enrique Fernández Arbós na dirección e José Cubiles como solista. Trátase de tres «impresións sinfónicas» (como as describiu o autor) que evocan senllos xardíns españois e cuxa orixe se tentou buscar en diversas fontes pictóricas e literarias. Son páxinas fondamente evocadoras que xuntan ideas temáticas, harmonías e ritmos tipicamente españois cunha orquestración e unha tímbrica características do impresionismo francés. O piano, delicadamente integrado no tecido sinfónico, consegue recrear a cor e beleza dos cadros suxeridos. O primeiro nocturno, En el Generalife, comeza cunha enigmática introdución orquestral e o piano reforza a atmosfera etérea e soñadora, que só se altera na sección central, en compás de 3/4. A Danza lejana remite a un xardín non especificado, se cadra imaxinario, cun ar de baile lánguido e repousado. Unha pasaxe en oitavas que evoca un taconeo, enlaza con En los jardines de la Sierra de Córdoba. Aquí, a danza gaña ritmo e vigorosidade, como unha zambra de inspiración flamenca que se vai esvaecendo ata chegar a un delicado pianissimo.
JUAN CRISÓSTOMO DE ARRIAGA (1806-1826)
Sinfonía en re maior
O prematuro falecemento de Arriaga, cando aínda non cumprira os vinte anos de vida, truncou unha prometedora carreira, que, porén, aínda puido incluír un feixe de obras de gran calidade e beleza compostas durante os anos de formación. Naceu en Bilbao, onde comezou a estudar música e a escribir as súas primeiras obras. Entre elas destaca a ópera Los esclavos felices (1819-1820), baseada nun libreto de Luciano Francisco Comella e de cuxa estrea non hai información. Lamentablemente, a partitura perdeuse e non se conservan máis que unhas poucas partes. As dotes que amosaba desde moi cativo, impulsárono a marchar a París o 26 de setembro de 1821, cando contaba con só quince anos, mais apenas quedan datos sobre a súa traxectoria nesta cidade. Sábese que, presentado polo célebre tenor Manuel García, ingresou no conservatorio, onde tivo como profesor de harmonía a François-Joseph Fétis, de violín a Pierre Baillot e de contrapunto a Luigi Cherubini, director do centro. Neste tempo escribiu obras mestras como os tres cuartetos de corda ou a sinfonía, pero a finais de 1825 caeu enfermo e morreu o 16 de xaneiro de 1826.
Non se coñece a data exacta de composición desta sinfonía ―malia que se estima que foi escrita en 1824― nin cando foi estreada. Os primeiros manuscritos incluían o título Sinfonía para gran orquestra, mais a obra non foi ao prelo ata que a Comisión Permanente Arriaga, de Bilbao, se fixo cargo da edición en 1933. A primeira interpretación da que se teñen noticias data de 1888. Nunha época na que o romanticismo xa se ía impoñendo en Europa, Arriaga mantense fiel aos modelos do clasicismo vienés. O primeiro dos catro movementos ábrese cun acorde solemne e unha introdución lenta con diálogos entre as cordas e o vento madeira, que enlaza cun Allegro vivace en forma sonata, baseado nun tema que contrapón dúas ideas e un segundo motivo, máis melódico, derivado del. O desenvolvemento e a reexposición dan paso a unha resolución en re maior que modula a re menor e á stretta conclusiva. Tamén segue a forma sonata o Andante, onde un primeiro motivo tranquilo, presentado polas cordas, precede a outro de carácter lírico construído sobre un acompañamento arpexiado. O terceiro tempo é un Minuetto sinxelo e vigoroso cun trío central de ar pastoral a cargo do vento madeira. O remate pono un Allegro con moto, rico desde o punto de vista contrapuntístico no que contrastan dous temas, un de grande inspiración melódica e outro con certo ar de danza.
Sociedad Filarmónica de Vigo – M. Fernández