Como evitar tópicos idadistas nos medios? Afundación e HelpAge difunden a «Guía para unha Comunicación Libre de Idadismo cara ás Persoas Maiores»
A Obra Social de ABANCA e HelpAge asinan un convenio para continuar desenvolvendo «accións de sensibilización en materia de dereitos a favor das persoas» maiores e difunden esta guía en cuxa elaboración participaron a Universidade de Vigo e a Universitat d'Alacant.
Segundo o informe mundial sobre o idadismo da Organización Mundial da Saúde (OMS) de 2021, 1 de cada 2 persoas somos idadistas. Por iso, a Guía lembra que os xornalistas e medios de comunicación son fundamentais na loita contra o idadismo na linguaxe: «Contan cunha gran aceptación social e cunha gran capacidade formativa».
A palabra «avó/a» resulta inapropiada para referirse, xeneralizando, ás persoas maiores: «Homoxeneiza excesivamente, é inapropiado que se defina a un grupo etario a través dun rol familiar que pode ou non darse». Esta é tan só una das recomendacións da Guía para unha Comunicación Libre de Idadismo cara ás Persoas Maiores presentada esta mañá en Santiago de Compostela por Afundación e a organización de defensa dos dereitos dos maiores HelpAge International España.
Microidadismos habituais en conversas como as expresións «iso é moi boomer» ou «estaste facendo maior» xeralizan unha única visión sobre as persoas maiores discriminatoria e que falsea a realidade das sociedades do século XXI. Esas «xeneralizacións», sinalan as expertas que elaboraron esta ferramenta de consulta para xornalistas e medios, contribúen a consolidar uns tópicos e discriminacións que non se corresponden con «o estado de saúde, o tipo e nivel de actividade, a produtividade e outras características socioeconómicas dos adultos maiores» na actualidade.
Antes foron racismo e sexismo
«Do mesmo xeito que ocorreu co racismo primeiro e o sexismo despois, é necesario que a sociedade sexa consciente do problema que implica o idadismo e, a partires de aí, que exista un pacto social que implique a todo tipo de institucións na loita». É un dos postulados da Guía, que define aos medios como unha das institucións principais neste proceso e que achega consellos sobre palabras a evitar e representacións homoxeneizadoras.
Das mulleres ao relato fotográfico
Ademais, as autoras tamén se deteñen en aspectos como o tratamento das mulleres maiores nos medios de comunicación ou o relato fotográfico. A Guía sinala que «as caracteriza en papeis secundarios, no que a súa sexualidade foi anulada, o seu valor social depende da súa capacidade como coidadora ou avoa e ignóranse as súas necesidades, inquietudes e os seus proxectos vitais». Sobre a difusión dunha imaxe «real e non estereotipada» a través das fotografías que se publican nos media, o documento establece que «é fundamental mostrar e visibilizar como se poden gozar e vivir as diferentes etapas dos diversos procesos de envellecemento».
Unha linguaxe que reflicta a diversidade
Palabras como vello ou vella, ancián, xubilada, pensionista ou avoa, ou expresións como terceira idade, deben desaparecer do discurso negativo dos medios. Así o propón a Guía: «Débese recoñecer a diversidade dos adultos maiores, e isto non se pode facer a través do uso xeralizado e inapropiado dos anteriores termos. Envellecer, o logro da lonxevidade non pode asociarse ao estereotipo estigmatizado que se asocia ao vello, ao estragado», conclúe.
Descarga a guía.