+60 online: Actívate na casa. En AfundaciónTV
Se es unha persoa de máis de 60 anos e queres activarte fisicamente desde a casa e coidares a túa saúde, este curso é para ti.
Mellorarás a túa saúde física e emocional a través de exercicios de intensidade leve e moderada con que traballarás as capacidades corporais básicas. Poderás contar cun autotest de avaliación física para valorar os teus progresos.
En cada sesión haberá tres bloques de traballo con máis de quince exercicios de forza, equilibrio, resistencia e coordinación, adaptados a criterios de mobilidade, nivel físico e experiencia cun formato próximo, fresco e fácil de seguir. Ademais, haberá unha cápsula educativa relacionada con temas de interese xeral coma as caídas no fogar, hábitos saudables posturais, lumbalxia e dor crónica asociada ao confinamento, exercicios e estiramentos en cama/ chan...
O curso será impartido por Diego Sánchez, licenciado en Ciencias do Deporte, especialista en actividade física adaptada e experto en programas de envellecemento activo. Próximo, didáctico e apaixonado do exercicio para a saúde, leva 15 anos traballando no ámbito da saúde e 7 no sector sociosanitario, impartindo programas adaptados para previr a fraxilidade e mellorar a calidade de vida. É o coordinador en Galicia da Fundación Siel Bleu, unha organización a nivel europeo formada por 600 educadores físicos licenciados en Ciencias da Actividade Física e o Deporte, con máis de 120.000 beneficiarios. Desde 1997, Fundación Siel Bleu España promove os beneficios do exercicio físico adaptado, en residencias, centros de día e outras entidades mediante exercicios personalizados, divertidos e interactivos, deseñando os nosos programas cun enfoque preventivo que beneficia a todos, a calquera idade, e en calquera etapa da súa vida.
ACTIVIDADE GRATUÍTA en Afundación TV
Ficha 1: saúde lumbar
Ficha 2: saúde cervical
Ficha 3: prevención de caídas
Ficha 4: músculos abdominais