Ollar en breve. Testemuñas audiovisuais 'A vida lenta'

A vida lenta. Memorias e ritmos do rual galego é un proxecto que, a través da exposición presencial que albergou a Sede Afundación de Vigo ata o mes de maio de 2021, e das actividades paralelas en liña,  ten como obxectivo divulgar diferentes visións do rural que nos axuden a entendelo desde parámetros contemporáneos, para enriquecer e actualizar o discurso, iconografía e expectativas que temos sobre o asunto.

Presentamos esta serie de testemuñas audiovisuais que ilustran a diversidade rural, creativa e cultural e os camiños e posibilidades que o concepto rural está a abrir cara o futuro.

IRIA RIBADOMAR, ilustradora e deseñadora

Esta creadora recolle coñecidos elementos tradicionais do rural e transfórmaos  no que podemos considerar icones pop, levándoos a todos os soportes posíbeis: sacas de tea, xoias, etc.

ANA CORREDOIRA, bióloga e gandeira

Esta granxa ecolóxica, ubicada en Palas de Reis (A Cernada), está encabezada por unha bióloga de 30 anos que aposta pola innovación, o compromiso rural e a produción sostíbel. Fundou a Cooperativa ecolóxica As vacas de Ulloa, canda a Granxa Maruxa, o que reflicte o emprendemento das mulleres no rural: 54 % fronte ao 30% no ámbito urbano, segundo datos de Medio Rural.

ELENA FERRO, zoqueira, Premio Nacional de Artesanía no 2019

As zocas eran o calzado tradicional que se usaba no rural, e que aínda que fose maioritario, o seu uso estaba fondamente estigmatizado ao se asociaren á labranza e, polo tanto, á pobreza. A partir do 95, Ferro revitalizou a zoca desde unha perspectiva de deseño contemporáneo, sen esquecer as funcións orixinais: impermeabilidade, comodidade e durabilidade.

JAVIER OLLEROS, cociñeiro Culler de Pau, 2 estrelas Michelín

Premiado chef identifica a singularidade e a tradición como sinónimos de éxito no negocio e na gastronomía. Reivindica a gastronomía como grande aliada do rural, e fai gala deste compromiso no seu restaurante, na súa horta e en cada entrevista.

LUIS DAVILA, humorista gráfico

Moi popular por O Bichero para Faro de Vigo. As súas personaxes  van alén do estereotipo rural, e presentan actitudes enxeñosas, orgullosas e valentes perante a situacións cotiás, nomeadamente protagonizadas por coraxosas mulleres labregas.

DAVIDE SALVADO, músico tradicional e activista

Desenvolve a súa carreira artística como músico e cantante e, en paralelo, proxectos para revalorizar e descubrir o rural: encontros, obradoiros e formación musical.  Vive en Monterroso, onde ten unha granxa cabalar.