«Mulleres de mar», microrrelatos audiovisuais para mover conciencias sobre a urxencia de coidar os océanos

Presentamos «Mulleres de mar», tres microrrelatos audiovisuais protagonizados por Rita Míguez, mariscadora e presidenta de ANMUPESCA, Rosa Chapela, responsable da área de Socioeconomía da Pesca do CETMAR (Vigo), e Jenifer Suárez, pescadora, que teñen como obxectivo mover conciencias sobre a urxencia de coidar o mar e os océanos.

As tres profesionais, dende as súas respectivas experiencias laborais e afectivas vinculadas ao mar, abordan a situación presente e as perspectivas de futuro, coincidindo en que só cunha concienciación social conxunta podemos preservar o medio ambiente adoptando condutas que axuden a reducir a contaminación dos océanos.

Rosa Chapela

Rosa está moi vinculada ao mar desde nena. O seu pai era mariñeiro e a súa nai, mariscadora. En «Mulleres de mar» relata como, ao nacer, o seu pai a chamou «A miña nena do mar»: «Para nós o mar está no ADN, temos salitre e temos escamas».

No seu estemuño resalta como os océanos nos dan vida, proporcionando a metade do osíxeno que respiramos, «pero o máis importante son as persoas —remarca—, hai 3000 millóns de persoas cuxo sustento principal vén do mar, dos océanos e case 300 millóns de persoas no mundo empregadas no ámbito do mar. Un 5 % do PIB mundial vén da pesca […]. Por iso é moi importante o consumo responsable, consumir peixes procedentes de pesca sostible. 

 

Rita Míguez da Iglesia 

Rita Míguez de la Iglesia, presidenta da Asociación Nacional de Mujeres da Pesca (ANMUPESCA) desde a súa constitución en maio de 2016 ata a actualidade. Ademais, é integrante do Consello Galego da Pesca e participou en dous equipos de traballo dentro do proxecto de estratexia mariña Bluegrowth: pesca fresca e biotecnoloxía azul, liderado pola Autoridade Portuaria de Vigo. Mariscadora de profesión, Rita Míguez relata que cando coñeceu o mar sentiu que viña para quedar: «O meu contacto co mar veu porque quería conciliar, porque tiña nenos pequenos e quería pasar máis tempo con eles e cal foi a miña sorpresa que me namorei».


 

24 de xuño o relato de Jenifer Suárez.