A Colección na casa. Daniel Canogar. «Fóra de foco»

Microanálise: Daniel Canogar, o autor da fotografía comprometida

Obra: Otras geologías 17 

Ano: 2007

Técnica: Fotografía dixital sobre aluminio 3/3

Medidas: 147,5 x 223

Obra presente na mostra «Fóra de foco. Artistas foráneos na Colección de Arte Afundación»

Partidario dunha arte comprometida, Daniel Canogar traballa, tanto nas súas fotografías coma nos vídeos e instalacións, con temas actuais, utilizando a dialéctica para implicar o espectador. A través dunha coidada escenografía, fusiona a contundencia do argumento coa beleza da composición.

Na súa obra hai sempre unha mensaxe que se potencia a través de imaxes visuais impactantes. A fotografía de Afundación, pertencente á serie «Otras geologías», móstrase coma un inventario da sobreexplotación; é unha paisaxe de residuos, neste caso bicicletas, que o artista localizou nunha zona industrial de Madrid. Nos chamados «puntos limpos», comprendeu Daniel Canogar a obsolescencia dos obxectos, e deles obtivo o material de refugallo que necesitaba para chamar á reflexión. Non só bicicletas, senón tamén todo tipo de restos informáticos, electrodomésticos, plásticos… que nun momento dado foron parte dunha memoria individual, e agora, amoreados en montañas de lixo, son o testemuño máis claro da memoria colectiva do exceso consumista.

Texto de Mercedes Rozas, comisaria da mostra «Fóra de foco»