Faladoiros virtuais 'A vida lenta' - Óliver Láxe, conducido por Aser Álvarez

14 de maio 2021 - 18.00 h

Vimos de organizar uns faladoiros virtuais en Afundación TV co gallo da mostra A VIDA LENTA [+ INFO] e guiados polo seu coordinador, Aser Álvarez.

ÓLIVER LAXE | 14 MAI | 18.00 h

Desde a mesma sala onde amosamos a exposición en Vigo, falaranos o recoñecido director de cinema.

Medra entre Francia, España e Marrocos. As súas dúas primeiras longametraxes son premiadas no Festival de Cannes: Todos vós sodes capitáns recibe, entre outros, o Premio da Crítica Internacional na Quinzaine des Réalisateurs en 2010, e Mimosas acada o Gran Premio da Semaine de la Critique en 2016. En 2019 fai historia ao converterse, canda Víctor Erice, no primeiro cineasta español seleccionado en Cannes coas súas tres primeiras obras, e no único en ser premiado en todas as súas participacións. O que arde recibe o Premio do Xurado da sección oficial Un Certain Regard de Cannes, o Premio á Mellor Creación Sonora da sección e compite nos festivais internacionais máis importantes da tempada, como San Sebastián, Toronto, Tokio, Londres, Melbourne, Mar del Plata ou Nova York, gañando numerosos premios. O que arde é tamén candidata aos Premios Goya en catro categorías: Mellor Filme, Mellor Director, Mellor Actriz Revelación e Mellor Fotografía, acadando estes dous últimos. Actualmente, Óliver está a traballar nun centro de desenvolvemento rural na aldea lucense onde filmou O que arde, de onde é orixinaria a súa familia. O compromiso que manifesta co rural está a ser un auténtico empurre para moitos proxectos dos Ancares, aos que Óliver deu visibilidade e apoio.