Teatro en familia: Rubicundo de Teatro dos Ghazafelhos

Todas as noites Rubicundo sae na súa bicicleta enriba da árbore do seu xardín rumbo á noite pecha. Semella que ninguén repara neste personaxe con gabán e sombreiro de copa. Ninguén, agás a curiosa e soñadora Erea, disposta a chegar ata o final dese misterio.

Unha historia sobre a amizade, a constancia e a poesía que nos anima a perseguir os nosos soños sen límites nin distancias. Unha posta en escena chea de sorpresas, música, monicreques, acrobacia, claqué... 

Adaptación do libro de Rubicundo de María Canosa, editado por Xerais e finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil 2014. 

Descarga a guía didáctica para traballar en familia.

 

‘Cantos e contos dende o Poleiro’ é un festival online impulsado desde Urdime coa que nos implicamos e sumamos a outras iniciativas, na consecución dunha batería de propostas para pasar este tempo de illamento o mellor posible: un festival co que queremos reafirmar que a cultura, e neste caso as artes escénicas, sempre está aberta e ao servizo da xente, e non imos pechar as portas da nosa creatividade.