
Música, humor, teatro y un show poético, propuestas del Teatro Afundación en marzo
Marzo comeza no Teatro Afundación cun espectáculo escénico, a obra teatral Escándalo en Palacio, e rematará con música de cine, cun repaso por algunhas das mellores bandas sonoras do cinema a cargo do escritor e músico vigués Alberto Cunha e o Simia Coro. Entre ambas as dúas propostas, a programación do teatro da Obra Social de ABANCA inclúe outras tres obras teatrais, dous concertos de clásica, un musical e o show poético da creadora de Miño (A Coruña) Lúa Mosquetera. Novelista, poeta e creadora, Lúa Mosquetera leva os seus poemas ao público tamén dende os escenarios. Propón, para o o día 14 de marzo no Teatro Afundación, o show poético El latido es un baile que siento que me estoy perdiendo.
As entradas para todos os eventos da programación están dispoñibles en Ataquilla.com. Na meirande parte dos espectáculos propostos, quedan moi poucas.
Un mes con moita comedia
A comedia Escándalo en palacio, con dramaturxia do popular humorista Pedro Ruiz, diríxena e interprétana os actores galego Iria Ares e Xoán C. Mejuto. Convertidos, na ficción da obra, en parella presidencial, terán que afrontar un escándalo sexual cando se fai público que tiveron unha relación previa nun tempo no que o presidente estaba casado coa súa primeira cónxuxe.
Un día despois de Escándalo en palacio, o público que elixe os espectáculos de humor ten unha nova cita no Teatro Afundación. O actor e humorista Álex Clavero presentará o sábado día 2 o monólogo La nueva normalidad. Nas súas digresións sobre o escenario, Clavero volverá sobre as cousas que aconteceron, e que cambiaron na vida das persoas, logo da epidemia de Covid-19.
De Lalachus y Bertus a Jorge Sanz
A programación de teatro deste marzo no Teatro Afundación complétana o espectáculo Ke decirte ke no sepas, do dúo cómico Lalachus y Bertus e máis a seguinte obra da Tempada de Teatro de Afundación, Hechos y faltas, que conta no seu elenco con autores moi recoñecidos pola súa traxectoria en cinema e televisión coma Jorge Sanz ou Ángeles Martín.
O dúo cómico, que saltou das redes sociais aos escenarios, analiza en clave humorística no espectáculo «os fitos máis importantes da historia millenial». A trama de Hechos y faltas estrutúrase arredor da descuberta de que un reputado autor inventa os datos cando fai, por encarga, unha crónica sobre os suicidios en Las Vegas.
Música clásica
A tempada de abono de Afundación en Vigo ten este mes unha cita moi especial. O día 7 de marzo, a Real Filharmonía de Galicia, dirixida pola alemá Johanna Malangré, estrea De mar a mar, unha peza composta por encarga da propia RFG polo músico mosense Jacobo Gaspar. O compositor tamén é profesor no Conservatorio Superior de Vigo. O programa do concerto complétano obras de Igor Stravinsky e Robert Schumann. Será o xoves 7 de marzo.
O seguinte venres, 16 de marzo, é a quenda da Orquesta Clásica de Vigo. A formación musical viguesa, que está a piques de cumprir corenta anos, interpretará os Concertos para violín e orquestra de Johann Sebastian Bach.
Musicais
O espectáculo El Musical de los 80's y los 90's é un dos dous da súa categoría programados este mes. Fai un repaso polo mellor do pop e o rock español das últimas dúas décadas do pasado século. Chega a Vigo logo de trunfar en Madrid e Barcelona.
Xa o día 21, o escritor e músico vigués Alberto Cunha e o tamén vigués Simia Coro Show presentarán Cinema Paradiso, unha proposta musical que volve sobre cancións e bandas sonoras de cinema. A entrada ten carácter solidario e a recadación destinarase integramente a Asociación Española contra o cancro.
Imaxes dispoñibles na seguinte ligazón.