
Máis de 10 millóns de persoas participaron na programación do Teatro Afundación desde a súa recuperación en 1984
Preto de 250.000 persoas asistiron anualmente ás actividades do Teatro Afundación nos últimos 40 anos. O edificio, proxectado nos anos vinte do pasado século polo arquitecto Antonio Palacios sobre o antigo Teatro Rosalía de Castro, foi re-inaugurado en 1984. As obras de recuperación devolvéronlle o seu esplendor e volveu abrir as súas portas o 22 de marzo de 1984. Mañá cómprense 40 anos.
O teatro acolle hoxe en día unha ampla programación cultural. Desde exposicións a todo tipo de espectáculos como musicais, ballet, monólogos ou concertos. Son só algunhas das actividades máis habituais da súa programación que conta con dúas tempadas estables de Música Clásica e Teatro que contribúen a fidelizar e crear novos públicos. Ademais, e alén da programación propia promovida directamente pola Obra Social de ABANCA, colectivos artísticos e musicais, nacionais e internacionais, organizan eventos de alto impacto durante todo o ano no Teatro Afundación, que tamén se converteu en estudio de series e producións cinematográficas.
Figuras coma Montserrat Caballé, Paco de Lucía, Nuria Espert, Dulce Pontes, Maya Plisetskaya, Ainhoa Arteta, Antonio Gades, Rudolf Nureyev, Julio Bocca, Serrat, Yehudi Menuhub, la Orquesta Sinfónica BBC de Londres, Ballet Nacional de Cuba, Carlos Cano, Mª del Mar Bonet, Frank Peter Zimmermann, Barbara Hendricks, Jordi Savall, la Orquesta de cuerdas de la Scala de Milán, Orquesta Barroca de Venecia, Pasión Vega, Mayumana, Ute Lemper, Ara Malikian, Rafael Álvarez El Brujo, La cubana, Els Joglars, Luz Casal, Amancio Prada, el Ballet de Victor Ullate, Circlásica, Pablo Milanés, Tricicle, Carlos Núñez, Luar na Lubre, Luis Piedrahita ou Nena Daconte son só algunhas das figuras e espectáculos que pasaron e que, en moitos dos casos, volven cada ano ao recinto.
No tocante á programación propia, Afundación aposta por contidos aliñados cos seus obxectivos de difusión cultural, educativa, social e ambiental. Tan só na última década, máis de 196.000 persoas asistiron ás exposicións que se organizan no teatro. Son case 20.000 asistentes cada ano.
Acción educativa
A educación é unha das catro liñas de acción desde Obra Social de ABANCA traballa para promover a transformación dixital, a sustentabilidade, e a implicación social. Por iso é polo que a participación da comunidade escolar de Vigo e a súa área de influencia nas actividades do Teatro Afundación sexa constante. Case un millón e medio de escolares acudiron, desde 1984, ás propostas escénicas que se organizan cada curso dentro do programa de educación en valores da Obra Social de ABANCA.
A relación da comunidade educativa viguesa co Teatro Afundación mantense xeración tras xeración. Por iso para esta ocasión propúxoselle ao Colegio Hogar Afundación o deseño do logotipo conmemorativo deste 40 aniversario. Un grupo de estudantes de segundo curso de preimpresión dixital traballaron cos seus profesorado no deseño partindo dun personaxe: un espectador. O esquematizaron e fixeron evolucionar esas formas ata convertelo en símbolo que representa o número 40.
Cultura onde houbo un casino
Onde houbo un casino, hoxe hai unha sala de exposicións e unha biblioteca. Son dous dos principais cambios do proxecto de restauración liderado a comezos dos anos 80 do pasado século polo arquitecto vigués Desiderio Pernas. En parte do que foi un casino hoxe pode verse, por exemplo, a exposición «Comedy Wildlife». A mostra permítenos aproximarnos a imaxes de animais. E ten moito que ver coa visión de Afundación á hora de deseñar a súa programación cultural. O medio ambiente é unha prioridade. O ano pasado, o Teatro Afundación acolleu a exposición «Emocións en perigo», de Tim Flach, tamén dedicada á conservación da biodiversidade. Resultou un éxito. Desde Vigo comezou a expoñerse en toda Galicia e xa se achegaron a visitala máis de 30.000 persoas.
Historicamente, este espazo expositivo foi pioneiro acollendo a grandes nomes da pintura galega como Rafael Alonso, Laxeiro, Antonio Quessada, Colmeiro, Antón Puído, Lugrís ou Rafael Úbeda, entre outros moitos. Tamén de figuras nacionais e internacionais como Miró, Sorolla, pintores dos reinados de Felipe IV e Carlos II, Juan Gris, Sebastião Salgado. Ademais, a sala de exposicións do Teatro Afundación mostrou obras de museos de referencia como o Reina Sofía, o Prado, o Museo Nacional de Escultura ou o Hermitage de San Petersburgo.
O proxecto de restauración de Desiderio Pernas, cuxas obras se executaron entre 1982 e 1984, deseña un conxunto no que se integran novas dependencias coas que xa dispoñía o espazo, respectando sempre a súa estrutura orixinal. O teatro – sala de concertos segue o modelo italiano de ópera do século XIX cun punto de vista frontal do escenario e planta en forma de ferradura, foso de orquestra e tres anfiteatros con espazo para 1000 espectadores. Na parte posterior do edificio sitúase un auditorio con 461 butacas, un espazo onde orixinalmente localizábase o cinematógrafo.
A sala de exposicións, con entrada independente por rúa Reconquista, é un espazo singular de paredes cóncavas e columnas de granito. Na planta alta do edificio sitúase a biblioteca, con 300 prazas. O Teatro Afundación dispón, así mesmo, dunha sala de conferencias para 145 persoas, tres salgas de seminarios e un salón de recepcións con capacidade para 400 invitados.
Imaxes do teatro dispoñibles AQUÍ