JOSÉ MARÍA SICILIA
Sicilia Fernández-Shaw, José María
( Madrid, 1954 )
Biografía
A infancia de José María Sicilia transcorre durante o réxime franquista. En 1975, ano en que morre Franco, segue a tradición familiar e comeza a estudar Arquitectura, pero axiña decide cambiar e cursar tres anos de Belas Artes na Escola de San Fernando de Madrid. Un ano máis tarde instálase en París, onde se respira unha atmosfera de revolución artística, e é aí cando decide dedicarse profesionalmente á arte. En 1982 ten lugar a súa primeira exposición na galería Trans/Form da capital gala, cuxas obras son seleccionadas para a XII Bienal de París. Dous anos máis tarde inaugura a súa primeira exposición individual na galería de Fernando Vijande en Madrid. Trasládase a Nova York en 1985, onde reside durante dous anos e comeza a traballar nas súas series máis coñecidas Tulipáns e Flores; a partir deste momento prodúcese a súa eclosión internacional. Tras a súa etapa neoiorquina instálase de novo en París e posteriormente alterna a cidade francesa con Sóller (Mallorca). Sicilia pertence a unha nova xeración de novos artistas, entre os que se encontran Miquel Barceló e Miguel Ángel Campano, entre outros, que xorde con forza na década dos oitenta; Sicilia é o primeiro en alcanzar unha fama inicial fóra de España. Ao longo da súa traxectoria participou en numerosas exposicións a escala mundial. Foi galardoado con destacados premios como o Premio Nacional de Artes Plásticas (1989) ou a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes (2015), e a súa obra encóntrase en museos como o MNCARS, o MOMA ou o Museo Guggenheim de Nova York.
O afán investigador levou a Sicilia a traballar con diferentes técnicas como a pintura, a escultura, a instalación ou o gravado, así como a empregar cera e vernices para alcanzar a calidade matérica da pintura mediante o relevo da textura. Nun primeiro momento, a súa obra céntrase en temáticas intranscendentes como cidades, paisaxes urbanas ou obxectos cotiáns, que organiza en series e o tema é unicamente un pretexto para concentrarse nunha reflexión sobre o pictórico. Son obras de gran formato nas que se evidencia unha grande influencia do neoexpresionismo alemán. A continuación, nas series florais, indaga na análise da forma, a construción do espazo e a estrutura da luz. Nesta época evoluciona cara a unha pintura que xunta e sintetiza o espírito construtivo das vellas vangardas do Leste, o transcorrer da abstracción americana e a carga matérica da arte española dos anos cincuenta. Contra mediados dos noventa, iníciase na técnica das ceras, que dominarán a súa obra ata ben entrado o século XXI, e nestes últimos anos o debuxo e os materiais en aparencia máis sinxelos e directos impóñense na súa produción, así como as instalacións e esculturas de difícil e delicado simbolismo.
Dúas obras gráficas do autor integran a Colección Afundación. A máis temperá (1987) é unha poética e conceptual obra da súa célebre serie Flores. Reflicte unha depuración con respecto á súa charramangueira obra anterior, así como unha liberación que lle permite combinar o xeométrico e o xestual. Sobre un fondo abstracto beixe con múltiples matices sitúa unha ríxida e grosa liña vertical vermella da que nace unha ondulante cinta nunha tonalidade moi similar á do fondo que configura unha flor. A outra (1998) tamén amosa unha flor, pero neste caso obvia o sinóptico e recréase na expresividade e na suxestión da forma floral representada en distintas tonalidades vermellas.