BARREIRO
Barreiro Gómez, José María
( Forcarei, Pontevedra, 1940 )
Biografía
A vida en cor de José María Barreiro é a que resplandece nos seus cadros dunha maneira capaz de suscitar no espectador unha complicidade pictórica baseada na alegría e na transmisión do gozo da vida. Cada peza deste pintor establecido en Bueu, nun espléndido miradoiro sobre a ría de Pontevedra coas illas Ons fronte ao seu estudio, converténdose cada un deles nunha fiestra cara á realidade a través desa exaltación do sensual onde paisaxe, bodegón ou corpo humano serven a esa función redentora da pintura ante a existencia humana.
José María Barreiro fixo de estar atento na vida e do contacto con outros reputados pintores a súa mellor formación ao longo dos anos. Desde os seus tempos de estudante en Pontevedra estableceu relación con Virxilio Blanco ou Manuel Torres, quen o empurrou a realizar a súa primeira exposición individual en Marín en 1961. Trasládase a Vigo, compartindo estudio con outro xigante da nosa pintura: Urbano Lugrís. En 1963 instálase en París e alí a pintura de Picasso ou Matisse adhírese xa ao seu xeito de pintar, de entender unha realidade que vai alén dos efectos impresionistas inmediatos, estendéndose a ese xogo febril da liña e da cor. De regreso a Vigo coincide con Laxeiro e establécese entre ambos unha grande amizade, que leva a Barreiro ata Bos Aires, a gran capital galega da arte durante a ditadura para expoñer en 1969. Un ano antes fixérao xa en Madrid e o seu nome comezaba a situarse como unha referencia dentro da pintura galega. A partir destes momentos, o artista converte a diferentes países do mundo na plataforma para observar o seu traballo, ese que partía dunha comprensión dionisíaca da vida e que se amplía a xeografías de ambas as beiras do océano. E nese océano, el, o pintor que, malia os seus centos de exposicións por todo o mundo, mantén a súa firme ancoraxe á parroquia bueunense de Santa María de Cela, convertida agora nese “entorno máxico” (título dunha grande exposición realizada no Museo de Pontevedra en 2015), que alimenta a súa pintura de raios de sol, nubes caprichosas, excitantes flores e illas, que xorden do mar como unha gran balea branca á que dar caza.
Posúen as obras de Barreiro esa difícil calidade na arte de exaltar os sentidos do espectador. Aproximarse a unha obra deste autor é incentivar unha observación do cadro como unha superficie sensorial na que se traduce esa condensación do motivo elixido polo seu creador para potencialo a partir da cor estimulante, aplicada cun frenesí que impacta, ao tempo que a liña define formas e situacións. Corpos de muller, músicos, paisaxes, bodegóns, instrumentos musicais, peixes, ou unha simple botella do viño, tal e como podemos observar nas pezas integrantes da colección Afundación, alcanzan a condición de motivos que desde a súa maior ou menor entidade se igualan nesa opción fauvista da pintura.
Ramón Rozas
Bibliografía
CAMPOY, A. M.: Catálogo exposición Durán. Madrid, 1991.
CASTRO, X. A.: «Barreiro 10 años de pintura», catálogo de la exposición con la obra reproducida en la p. 37.
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.
PABLOS, F.: «O secundario elevado ó protagonismo», presentación del catálogo de la exposición "Bodegóns e floreiros", reproducido con el núm. 29.
Enlace web página del artista: https://jmbarreiro.com/