Afundación e o Ámbito Cultural de El Corte Inglés conceden os seus premios de xornalismo a Manuel Bragado e Luis Ventoso


O premio Fernández del Riego e o Julio Camba de xornalismo, convocados por Afundación e o Ámbito Cultural de El Corte Inglés, distinguiron hoxe respectivamente a Manuel Bragado polo seu artigo titulado «Illa Soidade», publicado no blog Brétemas e na edición impresa de Faro de Vigo o 24 de decembro de 2013 e a Luis Ventoso polo texto «Contra todo pronóstico» aparecido en ABC, «La tercera», o 14 de novembro de 2013.  O artigo de Bragado, de corte social, conmove a alma e chama á reflexión sobre os casos de exclusión social no actual contexto de crise. Así mesmo, o artigo gañador do Julio Camba asinado por Luis Ventoso é un texto literario que vén falarnos de Marcel Proust e do universo particular que constrúe en Na procura do tempo perdido, unha obra que para Ventoso é «unha escola da vida».

O xurado destacou na rolda de prensa a boa calidade dos traballos que se presentaron aos premios e afirmou que cada ano o nivel dos traballos é mellor e cada vez resulta máis complicado decidir os gañadores. Ademais salientou que cada vez son máis diversos os soportes que utilizan os autores que se presentan aos premios: as cabeceiras tradicionais e as súas edicións dixitais, blogs e diarios puramente dixitais, un feito que non fai máis que amosar a idiosincrasia actual dos medios. Á parte disto, en palabras de Víctor Freixanes, vogal do xurado, «estes galardóns levan o nome de Pontevedra e de Galicia fóra das nosas fronteiras, este era un dos obxectivos cos que os premios naceron, proba disto é que este ano participaron xornalistas de México, Perú, Arxentina, Uruguai, Chile e Venezuela». O presidente do xurado, Alfredo Conde, dixo de Luis Ventoso que «o seu nivel é tal que moita xente compra o ABC os sábados para ler a súa terceira» e de Manuel Bragado subliñou «o seu papel de editor con ánimo literario de transcender, a través do seu blog Brétemas, é un referente para coñecer o que se move na cultura deste país».

Ramón Pernas, director do Ámbito Cultural de El Corte Inglés afirmou que «o xornalismo literario é unha especie en vías de extinción e que, polo tanto, hai que apoialo» e deixou constar que o feito de que a súa entidade patrocine os premios é unha obriga para con Galicia e coa súa cultura e desexou «mil primaveras máis para os premios». Pola súa banda, Pedro Otero, o xerente da fundación galega, sinalou a importancia que no mundo actual, en plena sociedade da información, ten unha profesión cuxos alicerces residen na procura e na documentación exhaustiva co fin de presentar ante a sociedade unha análise profunda de todo aquilo que se considere noticia, porque, «ese é o único xornalismo que contribúe a construír unha sociedade sólida e crítica». Así mesmo salientou «a boa saúde da que gozan ambos os premios» dado que na presente edición se presentaron un 50 % máis de orixinais que na anterior.

Os dous premiados comparten a súa paixón pola palabra escrita, xa que, tanto Bragado como Ventoso, editor e xornalista respectivamente, teñen un estreito contacto co mundo da creación e da prensa. De feito Manuel Bragado, nacido en Vigo no ano 1959, é director xeral de Edicións Xerais de Galicia desde o mes de xaneiro de 1994, empresa na que traballa desde o ano 1990. Formouse e é licenciado en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Sempre vinculado ao mundo da cultura e das letras galegas, Bragado é, así mesmo, presidente de Culturgal, secretario da Fundación Premios da Crítica Galicia e membro do padroado da Fundación Celso Emilio Ferreiro. Igualmente, Bragado colabora en diferentes medios de comunicación: en Faro de Vigo publica semanalmente desde o mes de agosto de 1999 e de forma ininterrompida a sección «Campo de Granada», sobre actualidade socio-cultural de carácter local pola que obtivo o Premio Gómez Román (2000) convocado polo Concello de Vigo, sección na que publicou o artigo gañador. É tamén colaborador de Praza Pública, Galicia Confidencial, Sermos Galiza e da Radio Galega.

Luis Ventoso, nacido na Coruña no ano 1964, é, pola súa banda, xornalista de profesión e ocupa na actualidade o cargo de director adxunto no diario ABC. Ventoso estivo vinculado case toda a súa carreira a La Voz de Galicia, á que se incorporou a principios dos anos 90 e onde foi redactor xefe de Cultura, Sociedade e Deportes e subdirector de Apertura. Foi, tamén, director de Diario 16 entre os anos 1998 e 2000, cargo ao que accedeu con tan só 34 anos. Leva incorporado a ABC desde o 2011 como director adxunto. 


Otras notas de prensa

Non hai notas de prensa