OVIDIO MURGUÍA
Murguía de Castro, Ovidio
( Lestrove, A Coruña, 2 de julio de 1871 - A Coruña, 1 de enero de 1900 )
Biografía
Curta, romántica, intensa foi a vida a deste dotadísimo pintor, excelente paisaxista, fillo dos escritores Rosalía Castro e Manuel Murguía. Comezou a pintar en Compostela,na Real Sociedade Económica de Amigos do País, da que era profesor o excelente artista José Fenollera. En 1895 trasládase a Madrid, pero non segue os camiños habituais de San Fernando nin as posibles pensións para Roma, daquela pouco menos ca imprescindibles para facer carreira oficial. O seu parentesco co novelista Alejandro Pérez Lugín na casa do cal reside, permítelle asistir a tertulias literarias e relacionarse con artistas. Sae ó campo, á zona do Guadarrama a pintar paisaxe do natural e acode con frecuencia ó Museo do Prado, onde realiza copias de grandes mestres, para exercitarse no oficio de pintor. Seu pai,home ambicioso, relaciónao con políticos influentes da época para os que ha de realizar escenas de xénero, moi de moda daquela, e decoracións murais para os seus palacios. Ovidio cumpre estes encargos aínda que de mala gana, ata que decide liberarse deles por completo e vivir alegremente , á bohemia, unha vida que a súa saúde precaria non tolera. Concorreu a algunhas exposicións, pero a súa curtísima vida non lle permitiu cristaliza-la obra á que sen dúbida o seu temperamento estaba destinado. A pintura de Ovidio Murguía figura nos museos de Galicia, especialmente nos de Pontevedra e A Coruña, onde está a máis representativa. Foi un paisaxista romántico, un pouco escenográfico, ó gusto da súa época. Bo debuxante, traballa os cadros sen insistir na pincelada. Ó contrario, aínda que de execución minuciosa, hai neles frescura e autenticidade. As súas escenas de xénero, pese ó obrigado costumismo, son auténticas e de mancha moi solta. Nas súas figuras amósase dramático, un tanto teatral, con evidente influencia de Ribera e os tenebristas do XVII.
Bibliografía
-Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981. -Pablos, Francisco: Pintores gallegos del Novecientos. A Coruña, Fundación Barrié de la Maza, 1981. -Barreiro, Alejandro: Del arte gallego. A Coruña, 1917. -Couselo Bouzas, José: La pintura gallega. A Coruña, Porto, 1950. -Chamoso Lamas, Manuel: «Arte», en Galicia. Barcelona, Edit. Noguer. 1976. -Pantorba, Bernardino de: Historia y crítica de las Exposiciones Nacionales de Bellas Artes. Madrid, 1980. -Gaya Nuño, J. A.: Picasso. Vol. I. Edit. Aguilar. Madrid, 1975. -VV. AA.: Un siglo de pintura gallega 1880/1980. Buenos Aires, Museo Nacional de Bellas Artes, 1984.