Proxecto interxeracional «Fálame da emigración»
«Fálame da emigración» é un programa interxeracional que se insire na liña estratéxica «O valor da experiencia», da área de Envellecemento Activo de Afundación. Este programa desenvólvese, inicialmente, nos concellos de Galicia onde se sitúan os 11 centros de maiores de Afundación, nos que participan máis de 11 000 persoas, en colaboración con institutos de ensino secundario destas localidades. Nesta primeira fase participarán 67 maiores, 11 IES e 461 mozos e mozas, maioritariamente de segundo e terceiro de ESO.
Os obxectivos xerais deste programa son:
- Que as persoas maiores lle transmitan á mocidade os coñecementos e experiencias adquiridos ao longo de toda a vida, ao tempo que se enriquecen do diálogo con xente nova e se favorece o entendemento mutuo.
- Que os mozos e mozas se beneficien do legado e da experiencia das persoas maiores, que os coñezan e comprendan mellor, dialoguen e cooperen con eles, favorecendo o respecto ás persoas en todas as etapas da vida.
- Que a comunidade educativa incorpore novas modalidades de aprendizaxe, que aproveiten a experiencia das persoas maiores, fomenten o diálogo, a cooperación e o entendemento entre as distintas xeracións.
A experiencia na emigración será o fío condutor do diálogo interxeracional, articulado a través de dous encontros nos centros educativos, precedidos cada un deles dun traballo preparatorio por parte do alumnado e dos maiores. A través dos encontros, maiores e mozos e mozas compartirán experiencias, opinións, coñecementos, traballo e emocións, establecendo relacións significativas baseadas na reciprocidade e o recoñecemento mutuo.